Saturday 04 de May de 2024

Rueda destaca o enorme talento e “valentía” dos galegos do exterior que veñen a Galicia estudar un máster grazas ás becas BEME


— Salienta que a finalidade desta iniciativa é complementar a excelente formación que xa teñen e que aposten por desenvolver a súa carreira profesional e o seu proxecto vital na comunidade

— A Xunta incrementa este curso a contía das axudas que oscilarán entre os 7.500 e 12.000 € en función da duración do mestrado e do continente de orixe do alumno

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a boa acollida da que goza o programa de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), do que se beneficiarán este ano case 250 galegos do exterior para cursar un máster nalgunha das tres universidades públicas galegas. “Presumimos dos galegos que están fóra de Galicia e nos encanta traelos para que os galegos que viven aquí vexan o enorme talento, as enormes ganas e a magnífica xuventude que Galicia ten polo mundo”, asegurou durante un acto de benvida a parte dos beneficiarios, celebrado hoxe en Oroso.

O titular do Goberno galego salientou que a finalidade desta iniciativa é complementar a excelente formación que xa teñen e que aposten por desenvolver a súa carreira profesional e o seu proxecto vital na comunidade. “Galicia cambiou moito durante estes anos e todo o que puidemos mellorar é en gran parte grazas á xente que se marchou cando todo era moito máis difícil, e por iso vos queremos agradecer todo o que fixeron as vosas familias, os vosos antepasados por Galicia e que todos os que queiran quedar aquí a traballar e a vivir teñan as portas abertas”, destacou.

Neste sentido, Rueda agradeceu “a valentía” dos que apostan por retornar a súa terra ou a da súa familia e animou aos participantes a aproveitar a experiencia de coñecemento, ao mesmo tempo que coñecen a comunidade. “Somos fáciles de coñecer nun ano, estudiando da tempo tamén para ir a todas partes en Galicia e descubrir moitísimos sitios”, indicou, ao tempo que destacou o feito de que moitos aproveitarán a oportunidade para coñecer e visitar aos familiares que aquí conservan.

A Xunta incrementa un ano máis a contía destas bolsas que oscilarán entre os 7.500 e 12.000 euros en función da duración do máster cursado e o continente de orixe dos beneficiarios. En concreto, as axudas -que sufragan os custes da viaxe, a manutencion, o aloxamento e a matrícula- aumentan este curso unha media de 500 euros. O orzamento do Goberno autonómico para estas bolsas é de 2,3 millóns de euros, un “destino de fondos públicos potente pero que vale a pena, sen dúbida”, tal e como indicou Rueda.